O alumnado de 4.º de ESO e 1.º de bacharelato asistiu hoxe ao teatro, actividade coordinada polo Departamento de Lingua Castelá e o EDLG.
A compañía Teatro baixo da area ofreceunos unha dramatización de Poeta en Nova York. Achegar a adolescentes a poesía de Lorca xa supón todo un desafío, un reto... e, neste caso, un éxito.  A experiencia teatral fusionou todos os ingredientes posibles para calar no público: lírica, dramaturxia, música en directo (piano e baixo), bailes, xogos de luces, fume, auga, sorpresas, vangarda... e proximidade; a rapazada gozou da representación dende o propio escenario. Imposible non quedar fascinado; imposible non valorar o traballo artístico; imposible non deixarse levar; imposible non sentir a profundidade da simboloxía de Lorca, da riqueza da lingua, do poder da voz. Experimentaron, en propia pel, a catarse da que xa falaba Aristóteles e os desenganos que o autor granadino viviu e plasmou en Poeta en Nova York, sufrimentos que, case un século despois, seguen vixentes.
A dramaturxia comezou con “Jaleo, jaleo” e tres personaxes (Cinza, Forma e Traxe) fixeron un percorrido poético combinando acontecementos vitais de Lorca cunha coidada selección de versos de “La aurora”, “El rey de Harlem”, “Paisaje de la multitud que vomita”, “Fábula y rueda de los tres amigos” ou a “Oda a Walt Whitman” en lingua galega.
Trala representación, asistimos a un coloquio cos actores e músicos: varios alumnos e alumnas fixeron preguntas e todos logramos conectar o vivido no escenario con moitas situacións actuais: o capitalismo, o xenocidio, as formas de comportarnos, traxes que nos axudan a vivir, a necesidade de encaixar.
Como facer que as novas xeracións sintan un texto críptico e gocen do teatro? Sen dúbida, poñéndoos nas táboas. Cando a expresividade dun actor está a trinta centímetros da túa, é imposible non fascinarse.
Non foi Broadway en Times Square pero esta “Aurora” de Lorca non foi “sepultada por cadeas e ruidos”, senón por respecto e unha grande ovación. Agradecemos tamén, ao alumnado, o seu comportamento exemplar.  




 
