luns, 21 de marzo de 2022

BALBORDO MARZO. LOUSAS. XOSÉ MANUEL MARCOS

 



Esta entretida novela de Xesús Manuel Marcos é moi recomendable por distintas razóns: a trama principal do misterio que vertebra a historia bifúrcase en interesantes e múltiples ramificacións que envolven a moitos personaxes. Todos agochan algo, presentan unha cara oculta... ou axudan (coa descrición das súas vidas, comportamentos e recordos) a artellar unha nova temática que se acopla perfectamente á trama principal e completa o crebacabezas que pouco a pouco vai enchendo o lector cando xunta partes dispersas dunha información proporcionada polo narrador no momento xusto.
Carlos Fabián, capitán de policía en Bos Aires, volta á súa terra para asistir ó enterro do seu irmán, médico que sofre un accidente aparentemente casual. As súas averiguacións lévano a descubrir que a morte foi provocada e que nese lugar idílico e illado escuras cuestións políticas, intereses económicos (unha canteira) e disputas persoais conviven coa calma e tranquilidade dunha paisaxe/forma de vida que reflicte a calma. A súa prolongada estancia permitiralle tamén tomar contacto coas xentes sinxelas e traballadoras que defenden vivir na vila, cunha sarxento de policía, Carla, que lle axuda a resolver o misterio... e, coa súa propia vida, cun pasado familiar agochado que peta con forza para saír.
Destaca a forza dalgúns personaxes complexos, con luces cambiantes, atormentados... algúns penso que serían merecedores de protagonizar outra novela. 
É reseñable a ambientación/descrición perfectamente recoñecible do Courel ou as Terras de Lemos. Non adoitan ambientarse este tipo de temática novelística no rural. Outro mérito, penso, que a fai máis orixinal.

XXI Premio Risco de Creación Literaria. Edita  Dr Alveiros.

venres, 11 de marzo de 2022

AVISOS DE DIVERSAS CONVOCATORIAS

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) patrocina a XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas para o bienio 2022-2023, encamiñada a realizar pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico nos centros educativos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato. As candidaturas remitiránselle á Fundación Antonio Fraguas Fraguas ata o 20 de maio de 2022. Tedes toda a información aquí:


Ademais, o IES Arcebispo Xelmírez I e a SXPL convocan a décima edición do Certame de Banda Deseñada AXI, aberta á participación de estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda Galicia co gallo de fomentar a lingua galega e a creatividade a través da banda deseñada. O prazo para presentar os traballos remata o 30 de xuño. Podedes ver as bases en:


Alén das convocatorias anteriores, animámosvos a todos, profesorado e alumnado, a que vos sumedes ás votacións dos Premios aRi[t]mar 2022, un concurso en liña convocado pola EOI de Santiago de Compostela, en colaboración coa SXPL, para difundir a música e a poesía de Galicia e Portugal. Ata o 20 de marzo tedes a oportunidade de escoller entre as dez cancións galegas e as dez portuguesas finalistas. Para escoitalas e votar, ide a:


Por outra banda, o Museo do Pobo Galego, dentro da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) ) ofrécevos a MICE Petís 2022, a súa programación para infantil e primaria. Trátase de sesións de cinema, presenciais ou virtuais, dunha selección de filmes realizada por Olloboi. Para consultardes esta e outras propostas que teñen, accedede á seguinte ligazón:
 

luns, 7 de marzo de 2022

8 DE MARZO

 

Moitas mulleres, distintas, opostas, diferentes e iguais. Moitas ideoloxías, nacionalidades, circunstancias, traballos, dificultades, problemas, logros...
Unha defensa da unidade e a diversidade!