Susana Sánchez, que foi profesora do noso centro hai anos, compartiu detalles da súa experiencia escritora, os motivos que a levaron a contar unha historia que parte do núcleo familiar, do escoitado, recordado, investigado pero tamén contado por outros personaxes e (na obra) por un "coro" que simboliza a memoria colectiva. A figura central é a do fascista que aterroriza e reprime, que chegou a ser alcalde, que só provoca dor... é o "tío Manuel" esa figura omnipresente na boca de todos pero tamén na memoria da familia .
Constrúe un mosaico de visións e opinións sobre unha época de moitas vítimas inocentes, da dura represión franquista, de silencios colectivos que non deberían quedar no esquecemento.
Escrito todo con minúsculas para non outorgar protagonismo ós que non o merecen, para non diferenciar con maiúsculas nomes ou movementos que ocasionaron terror, danos e medos inmensos... Cunha prosa áxil, certeira, punzante como o que narra roza o poético e o teatral na súa orixinal construción argumental.
Agradecémoslle a Susana a súa presenza no noso centro, na Biblioteca, para compartir no club de lectura impresións, reflexións e detalles deste moi recomendable texto.
Moitas grazas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario