mércores, 17 de xuño de 2026

Final do Parlamento Xove

 Os equipos de Debate de ESO e BAC participaron nos cuartos de final do Parlamento Xove e o equipo de ESO chegou á final. Ambos equipos pasaron a semifinais  e o equipo de ESO chegou á final, onde obtivo o 2.º posto na clasificación xeral. A preparación, compromiso e bo facer deron froitos e a aprendizaxe e a experiencia quedará para sempre no recordo destes alumnos e dos seus compañeiros. 




Na seguinte ligazón podedes ver a galería completa da actividade. 

mércores, 10 de xuño de 2026

Podcast na Radio Escolar

 O alumnado de 2.º de ESO traballou o podcast na materia de Proxecto Competencial e gravaron un podcast adicado ao mundo deportivo: entrevistaron ao director e profesor de Educación Física Carlos Parada facendo fincapé na importancia do deporte na construción de hábitos de vida saudables. 


Podedes ver máis imaxes na web do IES Río Cabe.


mércores, 20 de maio de 2026

Pasapalabra Begoña Caamaño.

Rematamos maio e o mes das nosas letras cunha actividade de dinamización para coñecer e promover a figura de Begoña Caamaño. A partir da información do carteis gañadores do concurso exposición das Letras Galegas (elaborados polo IES Castelao, de Vigo), o alumnado realizou, en equipos, o rosco de Begoña Caamaño elaborado por AS-PG de Galicia. 

Podedes ver o rosco completo na ligazón


Teatro. "A xustiza"

 O venres 8 de maio o grupo de teatro do IES Río presentou a obra A xustiza,, no XXXIII Certame municipal de teatro para centros de ensino do concello de Monforte. O mércores 20 de maio, o grupo de teatro fixo dous pases no noso centro, para o alumnado da ESO.

A xustiza, unha adaptación da obra Os mendigos José Ruibal , traducida, adaptada e dirixida por Paki Abeledo. A xustiza é unha farsa satírica que, a través da alegoría, critica as estruturas do poder dictatorial e a deshumanización social. Os esmoleiros, marxinados en loita pola súa identidade, son percibidos como un problema social e convertidos nunha atracción turística explotada polo Estado. Ante esta situación, os esmoleiros rebélanse e recuperan a súa dignidade; as forzas vivas da orde responderán cun decretazo que busca erradicar a mendicidade e eliminar todo rastro de esmoleiros para manter a orde social establecida. 

 







mércores, 13 de maio de 2026

Letras galegas 2026. IV Foliada

O vernes 15 de maio celebramos a IV Foliada das Letras, este ano centrada na figura de Begoña Caamaño.  Por mor do tempo, a actividade realizouse no ximnasio, e combinou as letras e a música. O alumnado dos diferentes cursos da ESO leu fragmentos da vida e obra da autora e os grupos de alumnado de música interpretaron as seguintes pezas: "Himno galego", "Rumba do Carizo" e "O son do Ar". Ademais, entregáronse os premios do concurso do Día do Libro e rematou a xornada co grupo dos Tradirrecreos bailando "Baiuca-Caroi feat. Aliboria" e cunha foliada colectiva. 

Literatura, música e cultura foron da man, un ano máis, nesta data especial no noso centro. Xa estamos agardando a próxima!


Na web do IES, podedes ver a galería de imaxes da actividade.

 

 


Correlingua 2026.

 Hoxe, mércores 13 de maio, o alumnado de 1.º e 2.º de ESO participou no Correlingua en Monforte de Lemos. Na andaina participaron varios centros de Monforte, da Rúa e de Portomarín e, ao remate da mesma, desfrutamos dun concerto do grupo Cuarta Xusta. Seis estudantes do IES A Pinguela leron o manifesto deste ano, elaborado por estudantes de diferentes centros de Galicia e Fran Rei presentou e dinamizou o acto final, que este año cambiou de ubicación e tivo lugar ao pé da fachada do Colexio de Nosa Señora de Antiga. 

Como di o lema deste ano, Co galego no corazón, facemos revolución!







  

I Torneo de Oratoria Letras Galegas

 Esta fin de semana, o alumnado de 1.º de ESO do Club de Debate participou en Lugo no Torneo de Oratoria Letras Galegas, organizado pola asociación Máis Debate. Coma sempre, foi unha xornada de conviencia e palabra, na que o alumnado aprendeu moito e seguiu mellorando as súas habilidades orais. Gañaron tres dos catro enfrontamentos dialécticos nos que participaron.  Noraboa!




mércores, 29 de abril de 2026

Día do Libro 2026

 Xa vos amosamos o cartel do concurso que, este ano, se promoveu no IES Río Cabe. 

Achegámosvos imaxes do resultado e, en breves, anunciaremos as propostas gañadoras. 

Parabéns a todos os participantes!

















Final Intercentros de Oratoria Improvisada

     O 28 de abril o abarrotado Salón de Actos do IES Río Cabe acolleu a IV Final Intercentros de Oratoria Improvisada. 

    Nesta ocasión déronse cita oito centros educativos de diferentes municipios e provincias galegas: o IES A Pinguela, de Monforte; o IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras; o IES Xograr Alfonso X, de Sarria; o IES Laxeiro, de Lalín; o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo; o CPI Ramón Piñeiro, de Pobra de San Xiao; o IES de Quiroga, de Quiroga; e o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos.

    Máis de setenta estudantes acudiron a unha cita na que todo comeza cunha soa palabra; a un escenario no que non houbo discursos aprendidos nin camiños trazados; a esta data na que o que houbo foi valentía, imaxinación e maxia: a maxia do inesperado, do irrepetible e do único. Os participantes demostraron, unha vez máis, que a lingua está viva.

Ademais dos profesores acompañantes dos diferentes centros, á cita acudiron Sagrario Sánchez, Directora Territorial de Educación de Lugo; Katy Varela, Deputada autonómica e representante de concello no Consello Escolar; Luis Álvarez, Inspector de Educación do noso centro e Pilar Teijeiro, Coordinadora provincial dos Equipos de Dinamización Lingüística da provincia de Lugo. Dámoslles, novamente, as gracias por acopañarnos e por seren testemuñas directas do que se fai nos centros de ensino público de Galicia. 

Ademais, este ano contamos cunha novidade: un xurado externo  e non vinculado a ningún dos centros educativos participantes. Estivo formado por Gabriel Fernández e Laura Patiño, que tras participar en torneos de debate na súa adolescencia (Parlamento Xove, Fundación Barrié), agora colaboran  activamente na organización de iniciativas como Máis Debate Lugo ou o Torneo de Oratoria Letras Galegas. Para eles, tamén, o noso agradecemento. Sabemos que ser xuíz non é doado. 

Tralo certame, os participantes realizaron unha comida de confraternidade no comedor do noso centro e unha visita guiada por algúns dos lugares máis emblemáticos de Monforte de Lemos, organizada por unha alumna do CS de Guía, Información e Asistencia Turísticas do noso centro. Novamente, gracias.

 Agora toca aprender do vivido e seguir traballando para a celebración da palabra improvisada do próximo curso. 







venres, 10 de abril de 2026

Final Intercentros de Oratoria Improvisada

 Xa temos catel e programa para a final do IV Certame Intercentros de Oratoria Improvisada. 

Terá lugar o próximo martes 28 de abril no Salón de Actos do IES Río Cabe e contará coa participación de sete centros educativos. 



 



 


Máis Debate -Lugo 2026

 O noso alumnado do Club de Debate está estes días na Escola de Relacións Laborais de Lugo. Un equipo de ESO e outro de BAC participan neste evento que, durante tres días, reúne a máis de douscentos estudantes de toda Galicia.

Sabemos que están desfrutando moito e desexámoslles moita sorte nesta experiencia que suman á súa formación académica!

Deixámosvos algunhas das notas de prensa que se fan eco do evento:

LugoXa

Xunta de Galicia

El Progreso

La Voz de Galicia


Ademais, aproveitamos para felicitar á nosa ex alumna Sabela López Mariño, que obtivo o galardón na categoría de Discursos de nivel Universidade. Cómpre destacar que, na edición anterior, Sabela participara xa neste torneo, nos debates de bacharelato. Alégranos ver que estas iniciativas prenden no alumnado e saber que continúan formándose nese eido. Podedes ver nesta ligazón o seu discurso. Noraboa, Sabela!



Imagen de la primera edición del Torneo Lugo Debate, el año pasado.



mércores, 18 de marzo de 2026

Día do Libro

 Aproveitamos os últimos días de marzo para lanzar un novo concurso que ten presente a conmemoración do Día do Libro. Animádevos a participar!



Participación na I Liga Escolar de Debate

 O alumnado de 3.º e 4.º de ESO participou na I Liga Escolar de Debate organizado por Bibliotecas Escolares. A actividade, que se celebra en diferentes centros educativos de Galicia, levou hoxe ao noso almnado ao IES Lucus Augusti. Desta vez, non pasan á seguinte fase, pero fixérono xenial! 



Visita de Olga Novo

 O xoves 12 de marzo o alumnado de 2.º de BAC desfrutou da visita de Ola Novo, Premio Nacional de Poesía e unha das voces máis recoñecidas da poesía galega de actualidad; ademais, a súa obra é obxecto de estudo para a PAU, así que a súa visita ao centro sempre é moi esperada, tanto polo profesorado como polo alumnado. 

Podedes ver máis imaxes da actividade na páxina do noso IES.

domingo, 8 de marzo de 2026

Parlamento Xove. Bacharelato

 Esta fin de semana o Equipo de Debate de bacharelato participou na clasificatoria do Parlamento Xove, obtendo uns excelentes resultados nas súas argumentacións sobre o tema "A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?". Gañaron os tres debates nos que participaron e quedaron de cuartos do total de vintecatro equipos participantes. Polo tanto, ao igual que o grupo da ESO, tamén participarán na final. 

Na páxina web do IES podedes ver imaxes da actividade e, no portal do Parlamento Xove, o desglose dos seus resultados.

Noraboa, rapaces!




venres, 6 de marzo de 2026

8M. Brillantes activistas da vida cotiá

 Este curso, para traballar o 8M, o EDLG e a Biblioteca do noso IES, escollemos a canción "Matriarcas" de Guadi Galego e preparamos unha actividade para que todo o alumnado da ESO reflexionase sobre a importancia da muller no día a día. Agradecemos, de antemán, aos titores e titoras da ESO a súa colaboración para levas a cabo a proposta nas horsa de titoría. 

A actividade comezaba cun ditado musical da canción "Matriarcas", de Guadi Galego. Tras escoitar un par de veces a canción para encher o ocos que faltaban (e traballar, así, un pouquiño de vocabulario), estableceuse en cada aula un diálogo para reflexionar sobre o contido da canción e, finalmente, cada alumno pensou na súa propia matriarca destacando por que a muller escollida era importante para él: sairon nais, irmás, amigas, avoas, profesoras... A visibilización de todas esas mulleres anónimas converteu a entrada do noso centro nunha emotiva parada que pon en valor ás tan necesarias brillantes activistas da vida cotiá

Deixámosvos aquí algunhas imaxes do resultado final.