mércores, 29 de abril de 2026

Final Intercentros de Oratoria Improvisada

     O 28 de abril o abarrotado Salón de Actos do IES Río Cabe acolleu a IV Final Intercentros de Oratoria Improvisada. 

    Nesta ocasión déronse cita oito centros educativos de diferentes municipios e provincias galegas: o IES A Pinguela, de Monforte; o IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras; o IES Xograr Alfonso X, de Sarria; o IES Laxeiro, de Lalín; o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo; o CPI Ramón Piñeiro, de Pobra de San Xiao; o IES de Quiroga, de Quiroga; e o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos.

    Máis de setenta estudantes acudiron a unha cita na que todo comeza cunha soa palabra; a un escenario no que non houbo discursos aprendidos nin camiños trazados; a esta data na que o que houbo foi valentía, imaxinación e maxia: a maxia do inesperado, do irrepetible e do único. Os participantes demostraron, unha vez máis, que a lingua está viva.

Ademais dos profesores acompañantes dos diferentes centros, á cita acudiron Sagrario Sánchez, Directora Territorial de Educación de Lugo; Katy Varela, Deputada autonómica e representante de concello no Consello Escolar; Luis Álvarez, Inspector de Educación do noso centro e Pilar Teijeiro, Coordinadora provincial dos Equipos de Dinamización Lingüística da provincia de Lugo. Dámoslles, novamente, as gracias por acopañarnos e por seren testemuñas directas do que se fai nos centros de ensino público de Galicia. 

Ademais, este ano contamos cunha novidade: un xurado externo  e non vinculado a ningún dos centros educativos participantes. Estivo formado por Gabriel Fernández e Laura Patiño, que tras participar en torneos de debate na súa adolescencia (Parlamento Xove, Fundación Barrié), agora colaboran  activamente na organización de iniciativas como Máis Debate Lugo ou o Torneo de Oratoria Letras Galegas. Para eles, tamén, o noso agradecemento. Sabemos que ser xuíz non é doado. 

Tralo certame, os participantes realizaron unha comida de confraternidade no comedor do noso centro e unha visita guiada por algúns dos lugares máis emblemáticos de Monforte de Lemos, organizada por unha alumna do CS de Guía, Información e Asistencia Turísticas do noso centro. Novamente, gracias.

 Agora toca aprender do vivido e seguir traballando para a celebración da palabra improvisada do próximo curso. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario