mércores, 18 de febreiro de 2026

Febreiro. Mes o do amor. First Dates Literario.

 O comezo de febreiro estivo cargado de actividades: ademais de todas as derivadas do entroido, o EDLG e a Biblioteca organizamos unha amorosa ximkana para o 13 de febreiro. A inspiración foi o programa First Dates e elaboramos, seguindo esa estética, corazóns nos que figuraban trinta parellas literarias e históricas cunha breve e irónica descripción. Dende o mércores, os corazóns foron aparecendo en diferentes corredores do centro, causando intriga e risas entre aqueles que paraban a lelos. 

O venres 13 a cuarta hora, o alumnado da ESO, organizado en pequenos grupos, tivo vinte minutos para atopar dez parellas. Entre aqueles que o lograron, sorteamos tres doces agasallos. A actividade foi todo un éxito e queremos agradecer ao profesorado que tiña clase cos estudantes a súa colaboración para explicar e controlar o desenvolvemento da actividade. Agardamos repetila!












Entroido. O Meco

 Un curso máis, o EDLG e o Club de Brindos fomos os encargados de elaborar as comandas do Meco, que estivo sentado toda a semana na entrada do centro, para que todos nos enterásemos das indicacións. Que viva o noso Entroido!








Xoves de comadres. Mais vale maña que forza.

 Tralo Xoves de compadres, chegou o xoves de comadres. Esta vez, son as mulleres as protagonistas, as encargadas de encher de humor todos os recantos da vila. 

Igual que o xoves de compadres, no IES Río Cabe unímonos a esta tradición local ao tempo que visibilizamos outro aspecto popular da nosa cultura: os refráns. Partimos dun suceso real, acaecido na viaxe a Andorra do alumnado de 3.º de ESO e 1.º de bacharelato: debido á neve, o bus no que viaxaban tivo que poñer as cadeas e, polo que nos contaron, tal empresa levou máis tempo do que os nosos esquiadores querían. Así que, a profesora de Matemáticas que foi á neve e a profe de Educación Física, que este curso non foi, pero si o pasado), foron as encargadas de revivir este momento en cartón. A montaxe foi todo un éxito!




Xoves de compadres. Nunca choveu que non escampara



 Na nosa vila, o xoves de compadres marca o inicio do Entroido cunha xornada na que as rúas, establecementos e institucións se enchen de homes que satirizan diferentes aspectos: sociais, políticos, persoais... Cada ano, o Concello organiza premios e a posterior queima dos compadres na Praza de España. 

Este curso, no IES Río Cabe unímonos a esta tradición local ao tempo que visibilizamos outro aspecto popular da nosa cultura: os refráns. Poñéndolle un pouco de humor á choiva que levamos taaaantas semanas padecendo, os nosos compadres decidiron promover unha activiade de remo e así lucía, o xoves a primeira hora, a entrada do centro, ante o sorriso de todo aquel que entraba: alumnado, profesorado, PAS, persoal de cafetería e, sobre todo, os profesores dos departamentos de Educación Física e Matemáticas, que sorpotaron estoicamente un protagonismo non buscado.