mércores, 18 de xuño de 2025

TEATRO: Noivos por internet

Chegou o día da representación. Fixeron dúas quendas e en ambas desfrutaron moito, tanto os actores como os espectadores. Foi todo un éxito!

Na páxina web do IES podedes ver máis imaxes e acceder ao vídeo da representación.





mércores, 11 de xuño de 2025

Rematamos.... con teatro!

O alumnado de 4.º de ESO preparou unha obra co obxectivo de recadar fondos para a viaxe de fin de etapa. A próxima semana representarana no centro. Farano xenial!




xoves, 22 de maio de 2025

III Foliada Letras galegas

 O xoves 22 celebramos as Letras Galegas, adicadas este ano á poesía popular oral, coa nosa III Foliada. O alumnado de 4.º da ESO encargouse da presentación, así como de recordarnos a importancia das homenaxeadas neste 2025, voces femininas. E é que as mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura. Tense dito, incluso, que as pandeireiras son símbolo de resistencia e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían o sentimento de grupo nas celebracións colectivas, seguramente non de todo conscientes da súa forza emocional e política. Se os gaiteiros ocupaban o espazo público, as pandeireteiras tocaban no espazo privado. Polo tanto, esta candidatura feminina para homanexear as nosas letras visbiliza un dobre ocultamento: o de xénero e o de literatura popular.

O alumnado de 4.º da ESO presentou a Foliada, que incluiu as eguintes actuacións:

- O alumnado de 1.º de ESO recitou varias coplas das pandeireteiras de Mens e una composición de Leilía.

- O alumnado de música de 2.º e 3.º de ESO ofreceunos unha sesión de batucada con instrumentos PAI reciclados. 

- O alumnado do Club de Brindos recreou o ambiente da oralidade improvisada, tan noso e tan da terra.

- Un grupo de profesores amosaron dous agarrados tradicionais e dúas pezas tocada coa gaita. 

Rematamos a Foliada cunha sesión de música tradicional. Agardamos que o pasarades ben!

 

 






mércores, 7 de maio de 2025

Correlingua 2025

Un ano máis, o alumnado de 1.º e 2.º de ESO participou na décimo oitava edición do Correlingua, marcha na defensa da nosa lingua que este ano contou coa presenza da actriz e clown Isabel Risco e coa actuación musical de Mekánika Rolling Band. Estivo presente tamén Iria Castro, deputada provincial de Lugo que repartiu diplomas aos centros participantes, que congregaron a alumnado non só de Monforte de Lemos (IES Río Cabe, IES Daviña Rei, IES A Pinguela, CEIP A Gándara e CEE Infanta Elena), senón tamén de Chantada (IES Val do Asma) e A Rúa (IES Cosme López Rodríguez).

O tempo acompañou nesta xornada coa que inauguramos o mes das flores e o mes das nosas Letras. O curso que ven, agardamos poder repetir!




venres, 25 de abril de 2025

III Concurso de Oratoria Improvisada Intercertros

 

O xoves 24 de abril, o alumnado gañador do Concurso de Oratoria Improvisada do noso centro desprazouse ata O Barco de Valdeorras. Alí tivo lugar a Final Intercentros de dito concurso na que participaron, ademáis dos nosos estudantes, alumnos e alumnas do IES Xograr Afonso X de Sarria e do IES Martaguisela do Barco, centro que, nesta ocasión, foi sede do evento.

Neste pequeño festival da palabra o alumnado debía falar durante un minuto sobre unha palabra escollida ao chou. Pode parecer pouco tempo, pero é un reto de creatividade, habilidade verbal, improvisación e control dos nervios. Dicía Oscar Wilde que non existe unha segunda oportunidade para unha primeira impresión e iso é o que acontece neses sesenta segundos nos que apenas hai cabida para enmnedar. Con todo, os participantes amosaron unha vez máis o seu dominio da escena e conquistaron ao público presente, entre o que se atopaba o Xefe Territorial da Consellería de Educación de Ourense, Jorge Rubén Sanpedro, a Coordinadora Provincial de Política Lingüística de Ourense, Manoli Maseda, e a Concelleira de Cultura do concello do Barco, Marga Pizcueta. O xurado, integrado por profesoras dos tres centros de ensino participantes, tampouco o tivo doado e, tras unha moi axustada calificación, acordou premiar aos seguintes mozos e mozas:

Categoría de 1.º e 2.º de ESO:

- Xulia Pombo (IES Xograr)

- Darío Núñez (IES Martaguisela)

- Helena González (IES Xograr)

 

Categoría de 3.º e 4.º de ESO:

- Miguel Rois (IES Río Cabe)

- Verónica Caplea (IES Río Cabe)

- Valentín González (IES Martaguisela)

 

Categoría de Bacharelato:

- Anxo Sobrado (IES Xograr)

- Demetrio González (IES Río Cabe)

- Mario Prada (IES Martaguisela)

 

Tralo concurso, todos os finalistas realizaron unha visita guiada pola vila, desfrutando do Malecón da arte, do casco vello e de Viloira, compartiron un xantar de confraternidade e, pola tarde, gozaron da espectacular vista da zona dende a Torre do Castro e visitaron o Pazo do Castro, unha construcción do século XVII que hoxe en día funciona como Hotel-Monumento e cuxo interior é unha xoia do pasado que pervive entre os viñedos valdeorrenses. Foi, pois, unha xornada moi completa na que o noso alumnado se fixo con tres dos nove premios outorgados. Parabéns!

Na páxina web do IES  podedes ver imaxes da actividade.



xoves, 20 de marzo de 2025

Olga Novo. Entronco coa autora

 O mércores 19, o alumnado de 2.º de bac tivo oportunidade de escoitar a Olga Novo, Premio nacional de poesía, que estivo no noso centro. 


Na páxina web do noso IES, podedes accerder á galería completa da actividade. 
 

xoves, 13 de marzo de 2025

Día de Rosalía

No IES Río Cabe, este ano recordamos o Día de Rosalía cunha actividade de Black Poetry (poesía revelada): a partires de textos da autora, o alumnado creou novas composicións e acompañounas de ilustracións e de códigos QR que remiten ao texto orixinal e a versións musicadas dos mesmos. 

Noraboa polo traballo!

 

   


 

 











xoves, 27 de febreiro de 2025

Oratoria improvisada. Gañadores

 Xa temos os gañadores da final de Oratoria improvisada.

Próxima fase... no IES Martaguisela! Noraboa a todos os participantes.


Imaxes da actividade, AQUÍ.

luns, 24 de febreiro de 2025

Oratoria Improvisada. Fase local.

 

O venres 21 de febreiro tivo lugar, no salón de actos do noso centro, a final de Oratoria Improvisada 2025. Tras una selección previa realizada aula a aula, doce alumnos de cada nivel dispoñían dun minuto para falar dunha palabra escollida ao chou de entre unha selección previa. Os tres con mellor puntuación en de cada nivel, clasificaranse para a final intercentros, que este curso terá lugar a mediados do mes de abril no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras. Foi un final de semana moi divertido e moi creativo, onde os nosos grandes oradores ofreceron a súa particular visión de verbas como arroaz, chícharo ou peliqueiro.

Nesta ligazón, podedes ver imaxes da actividade.



mércores, 19 de febreiro de 2025

Entroido. O Meco



 Dendo o EDLG retomamos a figura do MECO para celebrar o entroido no IES. Para elo, o alumnado do Club de Brindos elaborou unhas coplas para pautar a disversión da próxima semana: así do luns 24 ao xoves 27, cada día haberá que traer unha pequena caracterización e o venres teremos unha temática xeral a todo o centro para traer un disfraz completo: a granxa. Ademais, parte do alumnado de Plástica elaborou, coa axuda da súa profesora, estas fabulosas letras de antifaces, perfectas para a ocasión! 

Deixámovos, en primicia, as pautas do noso MECO. Pasarémolo xenial!












Día do amor e da amizade. 14 de Febreiro

 Do 14 ao 21 de febreiro celebramos a semana do amor e da amizade. A entrada do centro cubriuse de corazóns cheos de mensaxes de amor e de cartas escritas por estudantes de todos os niveis do centro. Ademáis, situouse a ventá dos brindos, na que se podían encargar brindos de calquera tema. Canta arte e canto talento temos entre estas paredes!









Torneo Máis Debate en Lugo. Discursos.

 O dez de febreiro, o alumnado do Club de Debate participou en Lugo no Máis Debate, concretamente na fase de Competición de Discursos. 

Participaron, nesta fase, Verónica Caplea de 3.º de ESO, Diego Expósito Díaz de 1.º de BAC e Ximena López Aparici e Demetrio González Álvarez de 2.º de BAC. Esta é unha fase previa ao torneo final, que terá lugar no mes de abril. Nas redes sociais da organización podedes seguir os resultados do torneo. 

Instagram: mas_debate

Na páxina web do noso centro podedes ver imaxes da actividades. 

Ante os desastres da guerra, fagamos unha revolución (pacífica). Celebración do Día da Paz.

 O xoves 06 de febreiro celebramos na entrada od IES Río Cabe o día da Paz. Colaborando cunha idea que xurdiu da Biblioteca, o EDLG e os departamenos de Música, Plástica e as diferentes linguas do centro, celebrouse un acto que contou con varias actividades. 

En primeiro lugar, creáronse gnomos con gorros laranxas (inspirados no movemento laranxa de Polonia) e lemas de aspectos que se perdían nos conflitos bélicos. A continuación, e en liña coa idea da revolución pacífica, o alumnado do centro elaborou propostas de revolucións pacíficas coas que se cubriu a columna da entrada. Durante o lecer, os profesores Xurxo e Nerea interpretaron Grandola Vila Morena e Clandestino e o alumnado de música de 2.º e 3.º de ESO, Bella Caos e o Himno da Alegría. Rematu o acto cun discurso elaborado por Demetrio, de 2.º de Bacharelato. 

Nesta ligazón podedes ver algunhas das actuacións. 

Deixámosvos algunhas imaxes, e podedes ver máis na seguinte ligazón




mércores, 29 de xaneiro de 2025

I Campus Reguenivxs e saída á radio

 Enmarcada na materia de Proxecto Competencial e vinculada a actividade brindeira do IES estivo a actividade que, na mañá do martes 28 de xaneiro, tivo lugaR: visita á emisora de Onda Cero Monforte. Alí, un grupo de alumnos coñeceu de primeira man a actividade da emisora e algúns detalles sobre a produción dun programa de radio. Ademais, os dou alumnos que participaran a fin de semana anterior no Campus de Regueifas de Vilalba foron entrevistados pola xornalista Manola Porto. Así, fixeron gala da súa capacidade improvisatoria e da súa habilidade para expresarse oralmente en galego. 

Na páxina web do IES podedes ver algunhas imaxes da actividade.

 

Ademais, pinchando a seguinte imaxe, podedes acceder áo programa completo e, a partir do minuto 36, desfrutar da voz dos nosos alumnos e da súa profesora Sara Porrit. 

Últimas Noticias de Monforte de Lemos | Onda Cero Monforte de Lemos | Onda  Cero Radio

Torneo de Debate Académico da Fundación Barrié

 O venres 24 de xaneiro tivo lugar na Coru´ña, na sede da Fundación Barrié de la Maza, o VII Torneo de Debate Académico. Ata alí desprazáronse 25 alumnos, dos cales nove participaron directamente nos debates mentres os demais ían de suplentes e, por formaren parto de Club de debate do IES, de público. 

Os temas que tiveron que preparar non era doado: o grupo de 1.º, 2.º e 3.º de ESO debatiou sobre se a "A principal fonte transmisora de valores debe ser a familia ou a escola?"; o de 4.º de ESO e bacharelao, sobre se "Deberían os científicos da Estación Experimental de Pavlovk ter comido as sementes e as froitas que gardaron durante o sitio a Leningrado?"

A experiencia foi todo un éxito e xa están pensando nos seguintes eventos aos que irán: Maís Debate en Lugo e o Parlamento Xove. 

Podedes  ver a galería completa da actividade aquí



martes, 21 de xaneiro de 2025

Entroido 2025

 Comezamos cos preparativos para participar nas actividades de Entroido promovidas polo concello de Monforte de Lemos. 

En febreiro tocan compadres e comadres!



I Campus de Regueifa

 Esta fin de semana tivo lugar en Vilalba, no IES Basanta Silva, o I encontro entre novos regueifeiros. Xunto coa súa profesora Sara Porrit, representando ao noso IES acudiron dous alumnos, Alicia Vega e Lois Arias (de 2.º e 3.º de ESO respecticamente), que deixaron o listón ben alto e participaron, xunto con mozos doutros centros educativos galegos, nestas xornadas pioneiras que incluiron obradoiros de técnicas de improvisación, formación e debates sobre o futuro desta expresión cultural propia da nosa terra. Participaron, ademais, no Regueira Tour, onde tiveron oportunidade de amosar as súas habilidades antes o público no auditorio municial de Vilalba. 

Deixámosvos, a continuación, a ligazón á canle de youtube desta inciativa e á nova da RTVG no telexornal do domingo. Pinchade nas imaxes!

     


 
Ademais, na páxina web do IES Río Cabe, podedes ver a galería de imaxes da actividade. 
Dende o EDLG, parabéns aos participantes e a regueifar!


xoves, 19 de decembro de 2024

Encontros con escritores. Manuel Vázquez

 O mércores 18 de decembro contamos no noso centro coa visita do escritor Manuel Vázquez coa conferencia "A vangarda está na Aldea". Trátase dunha actividade ofertada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Moi dinámico, Manuel falou co alumnado de 2.º de bacharelato e 3.º de PDC sobre prexuízos lingüísticos, a cultura labrega, a diversidade cultura e as vangardas.

martes, 17 de decembro de 2024

Certame de postais de Nadal. Gañadores 2024

 Xa temos as postais gañadoras do Certame deste curso académico. 

O primeiro e o segundo premio son creacións de dúas alumnas de 2.º de bacharelato. O terceiro premio é doble, xa que houbo dúas postais que acadaron a mesma puntuación, unha dunha alumna de 3.º de ESO  e outra dunha alumna de Nocturno. Finalmente, o premio á mellor postal con texto en galego quedou en 1.º de ESO. 

Deixámosvos unha imaxe das postais gañadoras. Agardamos que vos gusten tanto como a nós!

O terceiro premio é dobre, xa que houbo dúas postais que acadaron a mesma puntuación: a primeira estampa, en branco e negro, é autoría dunha alumna de nocturno; a segunda, cunha xenial persepctiva, dunha alumna de terceiro de ESO. 

 

O segundo premio recaeu nunha alumna de 2.º de bacharelato, que nos ofreceu esta fermosísima ilustración clásica.



A postal gañadora foi esta orixinal fachada, na que se reflicten diversas esceas cotiás do Nadal. A marabilla é otra doutra das nosas alumnas de 2.º de bacharelato.


Finalmente, esta doce Campanilla, obra dunha alumna de 1.º de ESO, acadou o galardón  a postal en Lingua galega.



Parabéns a todas!!

xoves, 12 de decembro de 2024

Galegoza!

 Do 5 ao 19 de decembro, temos no noso IES a mostra sobre música en galego Galegoza!, excelente labor de divulgación organizada porla Deputación de Lugo. Podedes ver imaxes da mesma na web do IES, pinchando aquí

Para achegar ao noso alumnado á esta opción de lecer, dende o EDGL organizamos unha actividade na que deben atopar informaión nos carteis da mostra, ubicados na entrada do centro e no corredor da cafetaría. Que mellor xeito de rematar o ano que coa nosa música! 






Colaboración co Instituto da Lingua Galega e ao Centro de Investigación Ramón Piñeiro

Os próximos días, en colaboración co Instituto da Lingua Galega e o Centro de Investigación Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o alumnado de 4.º da ESO participará un proxecto de investigación sobre o estudo do léxico habitual entre a mocidade. 



         



Contacontos Festival de Nadal.

 O próximo venres 13 de decembro, e froito dunha inciativa do noso alumnado de 3.º de ESO, celebrarase no pavillón do IES Río Cabe un Festival solidario con Valencia, cuxo obxectivo é recoller xoguetes para, en colaboración con Escola Valenciana, enviar ás familias afectadas pola DINA. Dende o EDLG, organizamos un contacontos que levarán a cabo dúas alumnas de 3.º de ESO. Seguro que será un éxito!





Pasado o día, podemos dicir que o noso Contacontos foi un éxito. A historia era fermosísima, as nosas alumnas fixérono xenial e os cativos aplaudieron entusiasmado. Deixámosvos unha imaxe do momento, no que Naiara e Dhaiana acompañan o seu relato coas fermosas ilustracións do libro original. Grazas!



mércores, 4 de decembro de 2024

Certame de postais de Nadal 2024

 Un ano máis, o EDLG e a Biblioteca do IES Río cabe convocamos o certame de postais de Nadal. Exporanse na entrada do centro e a máis votada será a felicitación oficial do noso centro educativo. 

Podedes ver as bases a continuación.



Encontros con escritores

O venres 29 de novembro tivemos no IES Río Cabe ao escritor Carlos Quiroga, nun encontro ao que asistiu o alumnado de 1.º e 2.º de bacharelato.  

 

 

 

 



 

xoves, 28 de novembro de 2024

Club de brindos. Encontro interxeracional


 Os días 21 de novembro, alumnado de 1.º, 2.º e 3.º de ESO do Club de brindos e improvisación do noso IES, acompañados da profesora Sara Porrit, visitaron o CEIP Plurilingüe da Pobra de Brollón para amosar as súas habilidades aos máis cativos.

O luns seguinte, o 25, alumnado de 2.º e 3.º de ESO do Club de brindos realizou unha boa mostra brindeira na Residencia de mariores do mesmo municipio, acompañados de alumnos do CEIP. Foi unha xornada moi enriquecedora para todos e todas!