domingo, 8 de marzo de 2026

Parlamento Xove. Bacharelato

 Esta fin de semana o Equipo de Debate de bacharelato participou na clasificatoria do Parlamento Xove, obtendo uns excelentes resultados nas súas argumentacións sobre o tema "A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?". Gañaron os tres debates nos que participaron e quedaron de cuartos do total de vintecatro equipos participantes. Polo tanto, ao igual que o grupo da ESO, tamén participarán na final. 

Na páxina web do IES podedes ver imaxes da actividade e, no portal do Parlamento Xove, o desglose dos seus resultados.

Noraboa, rapaces!




venres, 6 de marzo de 2026

8M. Brillantes activistas da vida cotiá

 Este curso, para traballar o 8M, o EDLG e a Biblioteca do noso IES, escollemos a canción "Matriarcas" de Guadi Galego e preparamos unha actividade para que todo o alumnado da ESO reflexionase sobre a importancia da muller no día a día. Agradecemos, de antemán, aos titores e titoras da ESO a súa colaboración para levas a cabo a proposta nas horsa de titoría. 

A actividade comezaba cun ditado musical da canción "Matriarcas", de Guadi Galego. Tras escoitar un par de veces a canción para encher o ocos que faltaban (e traballar, así, un pouquiño de vocabulario), estableceuse en cada aula un diálogo para reflexionar sobre o contido da canción e, finalmente, cada alumno pensou na súa propia matriarca destacando por que a muller escollida era importante para él: sairon nais, irmás, amigas, avoas, profesoras... A visibilización de todas esas mulleres anónimas converteu a entrada do noso centro nunha emotiva parada que pon en valor ás tan necesarias brillantes activistas da vida cotiá

Deixámosvos aquí algunhas imaxes do resultado final.














Mais Debate. Lugo

Tres estudantes (dous de 4.º de ESO e un de 1.º de Bacharelato), asistiron hoxe á fase preliminar do Torneo de Discursos de Lugo Debate 2026. Fixérono xenial e desexámoslles toda a sorte do mundo para clasificarse! 

Na web do noso IES podedes ver máis información da actividade. 




luns, 2 de marzo de 2026

Parlamento Xove. ESO

 Esta fin de semana tiveron lugar os debates da fase clasificatoria da categoría da ESO no Parlamento Xove. O grupo de debate do IES gañou os tres debates que realizou, quedando de segundos na clasificación final. Irán, polo tanto, á final. 

Trasladámoslles os máis que merecidos parabéns!

Nesta ligazón podedes ver a clasificación coa puntuacón e, nesta, os cruces para a fase final. Na páxina web do IES, podedes ver máis imaxes da actividades. 






Roteiro a Esmorga

 O xoves 26 de febreiro o alumnado de 4.º de ESO desprazouse a Ourense para realizar o roteiro literario da obra A Esmorga. Foi unha xornada amena e interesante que lles permitiu coñecer de primeira man os lugares mencionados na obra. Un xeito de afondar nas obras moi actual. 

Na web do IES Río Cabe podedes ver máis imaxes da actividade. 




mércores, 18 de febreiro de 2026

Febreiro. Mes o do amor. First Dates Literario.

 O comezo de febreiro estivo cargado de actividades: ademais de todas as derivadas do entroido, o EDLG e a Biblioteca organizamos unha amorosa ximkana para o 13 de febreiro. A inspiración foi o programa First Dates e elaboramos, seguindo esa estética, corazóns nos que figuraban trinta parellas literarias e históricas cunha breve e irónica descripción. Dende o mércores, os corazóns foron aparecendo en diferentes corredores do centro, causando intriga e risas entre aqueles que paraban a lelos. 

O venres 13 a cuarta hora, o alumnado da ESO, organizado en pequenos grupos, tivo vinte minutos para atopar dez parellas. Entre aqueles que o lograron, sorteamos tres doces agasallos. A actividade foi todo un éxito e queremos agradecer ao profesorado que tiña clase cos estudantes a súa colaboración para explicar e controlar o desenvolvemento da actividade. Agardamos repetila!












Entroido. O Meco

 Un curso máis, o EDLG e o Club de Brindos fomos os encargados de elaborar as comandas do Meco, que estivo sentado toda a semana na entrada do centro, para que todos nos enterásemos das indicacións. Que viva o noso Entroido!








Xoves de comadres. Mais vale maña que forza.

 Tralo Xoves de compadres, chegou o xoves de comadres. Esta vez, son as mulleres as protagonistas, as encargadas de encher de humor todos os recantos da vila. 

Igual que o xoves de compadres, no IES Río Cabe unímonos a esta tradición local ao tempo que visibilizamos outro aspecto popular da nosa cultura: os refráns. Partimos dun suceso real, acaecido na viaxe a Andorra do alumnado de 3.º de ESO e 1.º de bacharelato: debido á neve, o bus no que viaxaban tivo que poñer as cadeas e, polo que nos contaron, tal empresa levou máis tempo do que os nosos esquiadores querían. Así que, a profesora de Matemáticas que foi á neve e a profe de Educación Física, que este curso non foi, pero si o pasado), foron as encargadas de revivir este momento en cartón. A montaxe foi todo un éxito!




Xoves de compadres. Nunca choveu que non escampara



 Na nosa vila, o xoves de compadres marca o inicio do Entroido cunha xornada na que as rúas, establecementos e institucións se enchen de homes que satirizan diferentes aspectos: sociais, políticos, persoais... Cada ano, o Concello organiza premios e a posterior queima dos compadres na Praza de España. 

Este curso, no IES Río Cabe unímonos a esta tradición local ao tempo que visibilizamos outro aspecto popular da nosa cultura: os refráns. Poñéndolle un pouco de humor á choiva que levamos taaaantas semanas padecendo, os nosos compadres decidiron promover unha activiade de remo e así lucía, o xoves a primeira hora, a entrada do centro, ante o sorriso de todo aquel que entraba: alumnado, profesorado, PAS, persoal de cafetería e, sobre todo, os profesores dos departamentos de Educación Física e Matemáticas, que sorpotaron estoicamente un protagonismo non buscado. 






venres, 30 de xaneiro de 2026

30 de xaneiro. Alfabeto pola paz.

 O venres 30 de xaneiro conmemoramos o Día da Paz e a Non Violencia, en colaboración coa Biblioteca, o Dpto. de Plástica e as titorías. As semanas previas, o alumnado de toda a ESO traballou vocabulario relacionado coa paz e a non violencia que plasmou nun exército de pombas que, na entrada do centro, voan debuxando o símbolo da paz. Hoxe, ás 11:00 horas, o alumnado da ESO reuniuse para  conmemorar este día e dúas alumnas de 4.º de ESO A, Estefanía e Delia, leron un texto elaborado polos seus compañeiros de 4.º de ESO C, un escrito no que empregaron moito dese léxico que, esta semana, da a benvida á todo aquel que entra no centro. 

Deixámovos un fragmento do texto elaborado polo alumnado: 


O 30 de xaneiro conmemórase o Día da Paz e da Non Violencia. Dende o IES Río Cabe queremos expresar, un ano máis, a necesidade de visibilizar algo que, nun mundo ideal, non debería ser necesario. Cada vez son máis os titulares que inundan a nosa vida para recordarnos continuamente o momento convulso en que vivimos: violencia institucional, violencia vicaria, violencia dixital, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia laboral… Son tamén milleiros os conflitos bélicos existentes no noso planeta: franxa de Gaza, Pakistan e India, EEUU e Venezuela, Rusia - Ucraína, Sudán, República Democrática do Congo…

Este curso, os estudantes da ESO propoñemos un Alfabeto pola Paz, cheo de verbas que contribúan á convivencia pacífica para un mundo mellor, máis amable, máis tranquilo, máis cooperativo… En definitiva, menos malo.

Queremos vivir en harmonía e estabilidade.

Con sinceridade e sosego, repecto e amabilidade. 

Rodeados de amizade, reunións, familia, amor e afecto. 

Que a nosa convivencia promova o noso benestar, superando os conflictos con apoio e empatía.

Respectando os dereitos humáns. Poñemos, dende aquí, a nosa semente de paz.

 












venres, 9 de xaneiro de 2026

Certame de Oratoria Improvisada

O 18 de decembro, pechando a actividade do primeiro trimestre do curso, celebramos no Salón de Actos o Certame de Oratoria Improvisada. Trátase dunha actividade que xa ten moito percorrido no noso centro e na que o alumnado ten que falar, durante un minuto, dunha palabra escollida ao azar dunha selección previa. Os nervios, os sorrisos e os aplausos compartiron escenario con palabras como ensaiar, peixeira, rechamante ou tixola

Mentres chega a seguinte fase, na que o noso alumnado competirá con estudantes doutros centros da contorna, deixámosvos a listaxe dos finalistas. 



1.º e 2.º de ESO:

Antón Nieves Rodríguez

Anxo Fernández Rodríguez

Gael López Valcárcel

Suplentes:

Juan Morais Salgueiro

Lucas Loureiro Fernández

 

3.º - 4.º ESO

África Guitián García

Verónica M. Caplea

Hannane Dallahi El Hajji 

Suplentes:

Estefanía Fernández Muñoz

Emeli F. Vizcaíno Ortega

 

1.º - 2.º de BAC

Diego Expósito Díaz

Gema Criado Álvarez

Miguel Rois García

 Suplentes

Manuel Álvarez Ruiz

Sabela Castro González




 

Na páxina web do IES podedes ver  máis imaxes da actividade. 


Certame de postais de Nadal. Xa temos gañadoras!

 O xurado tívoo, un ano máis, moi complicado, pois houbo moitas postais, moi variadas, e incluso con despregables ou luces incluídas.

Na categoría de diúrno, a postal gañadora é obra de Samantha Sabogal Rodríguez, de 4.º ESO B. 

Na categoría de adultos, a postal gañadora pertence a María Ysabel Soto Pera, de 1.º de ESPA

Deixámosvos a a imaxe das postais gañadoras e agardamos que vos gusten tanto como a nós. 


Bo Nadal!