xoves, 17 de febreiro de 2022

MÁIS CONCURSOS

Real Academia Galega xunto coa Asociación PuntoGal organizan o V Certame de Microrrelatos, coa finalidade de reforzar a presenza da identidade galega no mundo dixital. De quererdes presentar algún texto, a data límite en calquera das tres categorías establecidas (infantil, xuvenil e persoas adultas) é o 28 de febreiro. Tedes as bases en: https://relatos.gal/.

Lembrámosvos que o prazo de envío de solicitudes para o Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia rematará o 28 de febreiro. Atoparedes máis información en:

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), en colaboración coa Casa de Rosalía e a Deputación da Coruña, convoca o concurso #Estiquecantas para promover a creación de vídeos breves para as redes sociais inspirados na obra en galego de Rosalía de Castro. Poden participar rapaces e rapazas de 12 a 18 anos con traballos, individuais ou de grupo, que non sobrepasen os 60 segundos de duración. As obras deberán subirse como reel de Instagram ou ao TikTok, ata o 15 de marzo, sempre co cancelo #ESTIQUECANTAS e con mención á conta oficial da iniciativa: @estiquecantas. Podedes informarvos en:

Ademais, a SXPL e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén organizan, por undécima vez, Lingua de Namorar. Este certame de declaracións de amor en galego busca dinamizar o seu uso entre a mocidade, nas súas relacións persoais e en Internet. Está destinado a persoas con idades de 14 a 35 anos e establece tres categorías, unha delas exclusiva para Instagram. A data límite de recepción das mensaxes será o 18 de marzo. Tedes as bases na seguinte ligazón:

A Asociación Ponte... nas ondas! convoca o V Certame de Recolla das Imaxes e Podcasts do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, co obxectivo de promover a transmisión interxeracional e a recuperación e posta en valor das fotografías anteriores a 1970, para que poidan empregarse no ámbito escolar. Nesta edición, como novidade, inclúese unha categoría de podcasts. O prazo remata o 17 de xuño.  Podedes informarvos en:
 

mércores, 2 de febreiro de 2022

FALAMOS DE SEIQUE CON SUSANA SÁNCHEZ ARINS


     O venres 28 tivemos unha interesantísima reunión do grupo de pais, profesores e persoal non docente de Balbordo coa autora de seique (Através editorial).  O texto foi elixido polos libreiros de Madrid  no 2019 como mellor título de fición e está traducido ó castelá e recentemente ó inglés. Tamén foi galardoado co Premio de Narrativa na V Gala do Libro galego no 2020.

Susana Sánchez, que foi profesora do noso centro hai anos, compartiu detalles da súa experiencia escritora, os motivos que a levaron a contar unha historia que parte do núcleo familiar, do escoitado, recordado, investigado pero tamén contado por outros personaxes e (na obra) por un "coro" que simboliza a memoria colectiva. A figura central é a do fascista que aterroriza e reprime, que chegou a ser alcalde, que só provoca dor... é o "tío Manuel" esa figura omnipresente na boca de todos pero tamén na memoria da familia . 

Constrúe un mosaico de visións e opinións sobre unha época de moitas vítimas inocentes, da dura represión franquista, de silencios colectivos que non deberían quedar no esquecemento.  

Escrito todo con minúsculas para non outorgar protagonismo ós que non o merecen, para non diferenciar con maiúsculas nomes ou movementos que ocasionaron terror, danos e medos inmensos... Cunha prosa áxil, certeira, punzante como o que narra roza o poético e o teatral na súa orixinal construción argumental.

Agradecémoslle a Susana a súa presenza no noso centro, na Biblioteca, para compartir no club de lectura impresións, reflexións e detalles deste moi recomendable texto.

Moitas grazas!