O 25 de novembro, no IES Río Cabe reivindicamos o Día internacional contra a violencia de xénero, reivindicación que, ano tras ano, segue sendo, desgraciadamente, necesaria. Neste 2024, foran corenta as mulleres asasinadas ata o venres 22 de novembro. O propio luns 25 volveron saltar as alarmas e a prensa informaba dunha nova vítima de violencia de xénero, de tan só 15 anos.
Transformamos a entrada do centro coa finalidade de ofrecer un gran impacto visual e sentimental. Queriamos mover sensibilidades, facer reflexionar, e cremos que o conseguimos. O baleiro que deixas foi o nome desta actividade, que empregou dúas vertentes: por un lado, o recordo dos nomes, idades e causa da morte das corenta mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas ao longo do 2040; por outro, sillas cubertas con lenzos brancos e con obxectos persoais de muller e nena facían fincapé en todo o que implica un asasinato: baleiro, lembranzas, soños rotos, desexos que non se cumprirán, vidas truncadas e vidas marcadas. Finalmente, o alumnado da ESO redactou frases que, a día de hoxe, seguen a ser moi necesarias e que completaron esta actividade.
No recreo, Demetrio, alumno de 2.º de bacharelato, leu unha sentida reivindicación e os profesores Xurxo e Nerea interpretaron o Negra sombra de Rosalía.
No blog da biblioteca podedes ver máis imaxes da actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario