venres, 14 de abril de 2023

Final intercentros de Oratoria improvisada en lingua galega

 

O xoves 13 de abril tivo lugar no Salón de Actos do IES Río Cabe (Monforte de Lemos) a final intercentros do concurso de Oratoria Improvisada en Lingua Galega. Trátase dunha actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que xa conta con tradición no noso centro e na que, este curso 2022-23, participarondous centros máis: o IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras, e o IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria. Na final participaron 21 estudantes dos diferentes niveis educativos dos tres institutos; a rapazada debía falar un minuto sobre unha palabra escollida ao chou dunha preselección. Pode parecer sinxelo, mais non o é. As intervenciónsforon, malia os nervios, marabillosas, e o alumnado deu renda solta á improvisación, á creatividade e, incluso, á etimoloxía. O acto rematou cunha actuación musical en directo e coa entrega de diplomas e agasallos aos finalistas e premios aos tres alumnos que mellor puntuación acadaron neste orixinal duelo lingüístico. O xurado, composto por unha docente de cada un dos tres centros, non o tivo nada doado.

A xornada continuou con tres actividades colectivas: unha visita guiada polo Monforte medieval e histórico (conxunto arquitectónico de San Vicente do Pino, xudería, Praza de España, Colexio de Nosa Señora da Antigua, Ponte Medieval) con parada na antiga librería Xistral, poñendo así en valor a figura do poeta Manuel María (que estaban estudando algúns mozos), e coa intervención de dúas alumnas do IES Martaguisela, que prepararan a lenda da Coroa de Lume para os seus compañeiros; unha comida de confraternidade no comedor do IES Río Cabe e, finalmente, a visita ao mirador do Duque, que permitiu admirar a beleza da contorna dende un punto que a maioría dos rapaces non coñecían. Púxose desde xeito fin a unha agradable xornada que esperamos se consolide e continúe nos próximos anos. Os mozos xa están pensando no lugar de celebración da final na próxima edición!

Os premiados nas diferentes categorías foron os seguintes:

Categoría 1.ºe 2.º de ESO:

Marc López Celeiro (IES XograrAfonso Gómez)

Icía Veiga López (IES XograrAfonso Gómez)

Paula Bouso González (IES Río Cabe)

 

Categoría 3.ºe 4.º de ESO:

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Mario Prada Rodríguez (IES Martaguisela)

Anxo Sobrado Rodríguez (IES XograrAfonso Gómez)

 

Categoría 1.ºe 2.º de BAC

Carlos Vilariño Romero (IES XograrAfonso Gómez)

Mauro Díaz Gayoso (IES XograrAfonso Gómez)

Héctor Rosende Núñez (IES Río Cabe)

 

Dende aquí, enviámoslles os nosos máis sinceiros parabéns e animámolos a continuar participando nas próximas edicións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario